luns, 11 de maio de 2020

Actividades 3º e 4º de EP - Semana 11 de maio

Ola rapazada!

Quérovos felicitar polo traballo que estades a realizar na casa. A asignatura de música ten a dificultade de ser complexa de dar a través do ordenador... mais o estades a facer moi ben! E grazas ás vosas nais e pais, que vos axudan en envían o voso traballo a través do seu email. Grazas a todos e todas!! Espero tamén que comecedes esta Fase 1 con alegría e sentidiño, e agardo vervos pronto paseando por Ares.

🎺A TOCAR!

As actividades de frauta están moi moi ben! Despois de visualizar os vídeos que me enviastes, quero recordarvos tres cousas:
- Intentade tocar máis relaxados: mantede unha posición recta (tanto sentados como de pé), non subades os ombreiros e colocade os dedos sen apretar e coa parte carnosa.
- Soprade suaviño, non hai que tocar moi forte... Iso vai facer que soen os famosos pitidos.
- É mellor comezar moi lento e pouco a pouco ir subindo a velocidade. Así afinanzamos o que imos ensaiando.

Podedes comezar a tocar facendo improvisacións ou escribindo a partitura e tocándoa. Póñovos un exemplo que me enviou unha compañeira:


  •  Actividade para 3º: inventar coas notas SOL - LA - SI e con brancas, negras e silencio de negra unha pequena melodía. Pode durar o que vós queirades. Enviádeme un vídeo e a partitura (ou, se vos é moi complicado, un audio e a partitura). 
Podedes facer esta creación de dúas formas diferentes:
  1. Improvisando e logo anotando o que tocastes.
  2. Facendo ou buscando un ritmo que vos gustes. Poñerlle notas ao ritmo e probar a ver como soa.
  •  Actividade para 4º: a peza de Shreck que comezamos na segunda avaliación cada vez vos soa mellor. Imos darlle unha semana de descanso e así a retomaremos con máis alegría e ganas. O que quero que fagades e que fagades a vosa creación, igual que o alumnado de 3º, pero incluíndo a nota Do' agudo e a nota fa. Enviádeme un vídeo e a partitura (ou, se vos é moi complicado, un audio e a partitura). Póñovos un exemplo:



 🔉PON A ORELLA! 

Para 4º: repasamos a clasificación de voces e tedes que adiviñar que tipo de voz é a de Little Richard. Escribídemo no email que me enviedes coa actividade anterior.

Para 3º: escoitade as tres pezas seguintes e quero que me digades cal é a que máis vos gusta e o por que. Tratade de evitar contestar "por que si", quero que intentedes xustificar a vosa resposta cunha frase un pouco máis longa. Escribídemo no email que me enviedes coa actividade anterior.

Imos seguir coas voces. Repasámolas:




A orde da máis aguda á máis grave é:  SOPRANO - MEZZOSOPRANO - CONTRALTO - TENOR - BARÍTONO E BAIXO.
As voces de muller sempre van ser máis agudas cas dos homes. Déixovos máis exemplos para que os escoitedes.

- Aria da raíña da Noite, A frauta máxica de Mozart: fixádevos o superagudo ao que chega a cantante. Sen dúbida algunha, a súa voz é de SOPRANO.
https://www.youtube.com/watch?v=rxGy83aipbY

- Erbarme Dich, de J.S.Bach: esta peza comeza cun solo de violín (destaca o violín sobre a orquestra) e a cantante collerá o testigo do violín no minuto 1:20. Hei de dicir que é unha das melodías máis fermosas da historia da música. Fixádevos que a voz da muller é moito máis grave ca da anterior peza. É, polo tanto, CONTRALTO.

Cando non sabemos ben se é contralto ou soprano (as voces extremas), podemos non arriscarnos e dicir MEZZOSOPRANO. O mesmo podemos facer coas voces de home.

Xa por último, quero rendirlle homenaxe ao músico Little Richard, que faleceu esta fin de semana. É considerado o pioneiro (un dos que comezou) do rock and roll, e me gustaría que intentasedes clasificar a súa voz.

 https://www.youtube.com/watch?time_continue=250&v=LVIttmFAzek&feature=emb_title


Recórdovos que me podedes enviar as tarefas a olallaperez@cpiares.com. Tedes unha semana para enviarmas. Se vos retrasades un pouco non pasa nada, mais recoméndovos que intentedes levar o traballo ao día.

Espero que esteades moi ben todos, que disfrutedes da semana e... que a música vos acompañe!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario