martes, 12 de maio de 2020

Actividades 1º e 2º de EP - Semana do 12 de maio

Ola a todas e todos!!

Que tal estades?? Seguro que moi ben! Queríavos felicitar polo traballo que estades facendo na casa e  os resultados están sendo moi bos. Se aínda non me enviastes nada, podedes enviarmo esta semana. E grazas tamén ás nais e pais por axudarvos a ler este blog e irvos lendo cada un dos posts que vou colgando. Vin que para enviar vídeos ás veces é un pouco lioso polo tema do que pesa (o tamaño en MB). Podédesmos compartir por drive, ou se non podedes polo que sexa, enviádeme un audio e as fotos do que vaian facendo e xa está. Todo iso ao correo de sempre, olallaperez@cpiares.com

Para esta semana propoño unha actividade tamén de escoita, pero de escoita de obras musicais.

👂 A ESCOITAR!

Escoitade nun lugar tranquilo estas dúas obras. 

Collede lapis e papel e contestade ás seguintes preguntas (non fai faia que escribades a pregunta, con poñer o número e logo a resposta xa está).

1) Cal das dúas obras vai máis rápido? Cal máis lento?
2) Que obra dura máis, a das Tartarugas ou a do CanCan?
3) No Can Can, cal é o instrumento que chama a atención sobre o resto da orquestra? (pista: témolo na aula, e se ve moi ben no vídeo).
4) Das dúas obras, cal nos pode servir para relaxarse?
5) Cal das pezas nos pode servir para activarnos e poñernos a bailar?

6) Que peza che gusta máis? Por que? 


Moi ben! Fixádevos agora: estas dúas obras comparten melodía. No Can Can, no segundo 00.40 é cando comeza e se escoita moi claramente. É o momento máis coñecido desta obra, e se vos fixades a xente se pon a acompañar con palmas!

Offenbach foi un compositor francés anterior a Saint Saens. E este último era un pouco miñaxoia ou pícaro e ás veces parodiaba (imitaba de xeito burlesco) as pezas musicais doutros compositores.

Neste caso, colleu o Can Can que escoitamos e o reescribe.  Nel (na Tartaruga) os instrumentos de corda interpretan o Can Can de Offenbach a unha velocidade taaaan tan lenta que resulta incluso un pouco difícil descubrir a melodía orixinal.Os pianos tamén acompañan moi piano (ou con pouco volume).

🎍 A DEBUXAR!
 
A seguinte actividade sería coller un folio e dividilo á metade. Nunha metade debuxades o que vos transmita o Can Can de Offenbach, e na outra metade o mesmo pero coa Tartaruga.

Que teñades moi boa semana.... e que a música vos acompañe!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario