luns, 18 de maio de 2020

3º e 4º de EP - Semana do 18 de maio

Ola rapazada!!!

Hoxe vos adxunto un par de vídeos de frauta e exercicios de creación de composicións. Se por calquera circunstancia esta semana non podedes enviar algo, non vos preocupedes, de aquí a final de curso faremos un repaso xeral de todo o que vimos na primeira e segunda avaliación.

 FRAUTA

 A posición: neste vídeo vos explico como nos temos que colocar para tocar, intentando evitar as tensións.


As notas:


Os ritmos: déixovos unha táboa con diferentes ritmos por se queredes practicar cada nota cun deles. Acordádevos que, cando escribimos soamente o ritmo, sen notas (do, re mi...) non temos por que poñer a cabeza da nota (agás coa branca), con poñer a plica e o corchete está xenial.

COMPOÑEMOS CON RITMOS E NOTAS

Quero que escollades o primeiro ritmo da táboa anterior (titi titi ta ta). Agora escolledes unha nota do pentagrama (eu vou escoller SOL). Agora tedes que escribir o ritmo con esa nota. Póñovos varios  exemplos:

Fíxadevos:

- en 1) uso a nota sol e o primeiro ritmo da táboa.
- en 2) uso o segundo ritmo (arriba no medio) coa nota si.
- en 3) collo o terceiro ritmo e o escribo sobre a nota la.
-  xa por último, o último ritmo é igual co primeiro, pero me puxen creativa e cambieille as notas.

Recordade:
- a clave de sol é como escribir maiúscula ao comezo das frases, é obligatoria ao comezar tódolos pentagramas.
- para separar os ritmos, podedes separar con esa doble barra (as dúas liñas) que vanda primeira á quinta liña (coma a miña) ou soamente con unha liña.

ACTIVIDADES DA SEMANA

  • Vixilar a postura e posición ao tocar á frauta. Podedes mirarvos nos espello para practicar sen axuda.
  • Practicar as diferentes notas cos ritmos que de arriba. Quen teña o dado rítmico doutras semanas, pode usalo en vez do de arriba. 
  • A compoñer!
Para os que teñen frauta: Os ritmos da táboa de arriba os tedes que usar para compoñer algo coas notas si-la-sol. Poden ser moi sinxelos (dunha nota) ou máis complexos (de varias). Déixovos liberdade para que escribades todo o que querades. Intentade despois de escribir cada anaco, tocalo coa frauta.
Enviádeme unha foto das vosas composicións para así írvolas correxindo. Se tamén queredes gravar como as interpretades na frauta, benvido será! (opcional).

Para os que non teñan frauta na casa: practicade os ritmos da táboa con palmas ou cun lapis (se tedes un instrumento de refugallo tamén serve!). Cando o teñades controlado, inventade partituras rítmicas diferentes ás que aparecen arriba. Enviádeme unha foto das vosas composicións. Se queredes tamén me podedes enviar audios ou vídeos coa interpretación das vosas creacións (opcional).

Tamén lle podedes poñer un título á vosa composición, como... "Día confinado", "Non choveu que non escampara", "A xogar!!!"... O que vos queirades :)

Que teñades moi boa semana e... que a música vos acompañe!!!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario