luns, 27 de abril de 2020

Día Internacional da Danza - 29 de abril


A danza é a linguaxe oculta da alma”. - Martha Graham, bailarina e coreógrafa dos Estados Unidos.

A expresión corporal e a música existen dende que o ser humano existe. Quen non se puxo a bailar ou moverse un pouco cunha música pegadiza? Pois aló polo 1982, un grupo de expertos decidiron celebrar o día da Danza o 29 de abril, data na que naceu o bailarín e coreógrafo Jean-Georges Noverre.

E vos preguntaredes: por que quixeron celebrar iso? Pois para fomentar a participación e atención do público sobre a arte e a cultura, para coñecer unha das nosas manifestacións artísticas.

Mais, o día da Danza celebra soamente o ballet: celebra calquera tipo de de expresión corporal acompañada dalgún tipo de ritmo acústico.

Cal vai ser o reto desta semana? Poñer en valor o noso baile por excelencia, ese baile tan propio da nosa cultura galega: a MUIÑEIRA.

RETO ARTÍSTICO

Recordades o ben que bailamos o día do Magosto? Ese baile foi a Muiñeira de Outeiro. Podédeslle botar un ollo de novo e lembrar que ben o pasaramos bailando e comendo castañas :) O baile está a partires do minuto 3:15.

O reto é: gravarse bailando un anaco a muiñeira. Para facelo, poñedes a música que vos enlazo a continuación e... a bailar!! Pode ser cos puntos (pasos) que aprenderamos, ou podedes deixar voar a vosa imaxinación e corpo! Tedes ata o XOVES 30 para enviarme os vosos vídeos! Animádevos!


Exemplo de puntos: 
 
- abrir, pechar, abrir, pechar.
- adiante, atrás, punta-talón, xuntos.
- Adiante, atrás, patada-patada, xuntos.
- Abrir, pechar, palmada-palmada (unha por arriba e outra por debaixo da perna) xuntos.

ACTIVIDADES DE AMPLIACIÓN

Fragmentos de ballets famosos:
 
Mirade os seguintes fragmentos. Cal vos gusta máis? Por que? Parécevos fácil ou difícil bailar estas pezas? Se queredes, podedes facer un debuxo do fragmento que máis vos gustara e enviarmo :)

Danza dos pequenos cisnes, do ballet do “Lago dos cisnes”, do compositor Tchaikovsky: 

https://www.youtube.com/watch?v=jSTia7AmWDI 
 
Danza do azucre, da obra “O Quebranoces”, Tchaikosvky: 

https://www.youtube.com/watch?v=Wz_f9B4pPtg 
 
Valse das horas, da obra “A Gioconda”, Ponchielli:

https://www.youtube.com/watch?v=UCk-NEwY7UU 
Películas para ver en familia:
- Billie Elliot: podédela ver in streaming a través de Amazon Prime Vídeo.
- Ballerina (bailarina): tamén en Prime Vídeo e en Movistar.
- Fantasía, de Disney: en Disney+. Os fragmentos relacionados coa danza son o sexto, “Danza das horas”, no que bailan hipopótamos, avestruces e crocodilos, e o segundo, relacionado coa obra do “Quebranoces”.




Ningún comentario:

Publicar un comentario